Sabías que...? 2010, nova década


Coa chegada do novo ano, 2010, moitos medios de comunicación lanzaron a idea (errónea) que comezabamos unha nova década. Totalmente falso e erróneo. Se estudamos a cronoloxía correctamente comprobaremos que a nova década comezará co inicio do ano 2011.

Hai que ter en conta varias cuestións. En primeiro lugar, utilizando a nosa cronoloxía, o ano cero non existe, polo tanto o século I comeza no ano 1 e finaliza no ano 100. O mesmo ocorre coas décadas, comezan o ano acabado en 1 (1961) e finalizan no ano acabado en 0 (1970). Este exemplo utilizado, corresponde á década dos 60 do século XX. Con todo iso consideramos que o século XXI comezou no ano 2001 e finalizará no ano 2100; e a súa primeira década iniciouse no ano 2001 e finalizará no ano 2010, xa que logo, ata que non acabe o ano 2010 non comezará a segunda década do século XXI. Non é tan complicado, verdade?