Tesouros agochados (1)

A tumba de Genghis Khan

Genghis Khan
Genghis Khan: Genghis (forte en mongol, lobo en chinés) Khan (caudillo en lingua mongola) naceu preto do lago Baikal (na actual Rusia) no ano 1167. O seu verdadeiro nome era Temujin/ Temuyín. Superaba a estatura normal do pobo mongol, tiña a cabeza ancha, a mandíbula forte e os ollos penetrantes de cor verde grisáceo.

Fillo de Yesugei, membro do clan real Borjigin, de relixión chamanista, que dominara a Mongolia oriental ata que foi prácticamente aniquilada polos tártaros a mediados do século XII. Perdeu ao seu pai cando tiña nove ou dez anos, o cal sumiu na miseria á súa familia, que houbo de facer fronte a grandes dificultades para sobrevivir. Estamos falando dun home que pasou de ser un neno huérfano que malvivía na estepa mongola tratando de alimentar á súa nai e os seus irmáns, a ser o fundador do maior imperio continental que coñeza a humanidade.
 
O 18 de agosto de 1227 morre Genghis Khan. 

Genghis Khan ordenou a súa garda persoal que logo da súa morte, fora enterrado nun lugar esquecido polo home, nun lugar de difícil acceso, en definitiva, nun lugar para descansar en paz. O que temía o gran emperador era que os seus inimigos buscasen a súa tumba, e por vinganza, a saquearan e a destruísen.
Genghis Khan foi enterrado de forma anónima, sen ningunha estrutura arquitectónica que permita recoñecer o enclave exacto. Os escravos que cavaron a fosa foron executados no mesmo lugar para que non puidesen desvelar nunca o seu emprazamento. Os seus fillos fixeron que mil xinetes galoparan sobre a súa tumba para que o enterramento quedase irreconocible e despois foron executados. Os 800 soldados que escoltaron o cadáver ata a súa última morada tamén foron executados.


A tumba estaría nalgún lugar da Mongolia entre o Burjan Jaldún, lugar onde rezaba o propio Genghis e o curso do río Onon, onde pasou os primeiros anos da súa vida. Estariamos falando dun territorio de entre 200 e 400 quilómetros cadrados. Á morte de Genghis Khan o territorio foi declarado o "Ij Joning", é dicir o "Gran Tabú". Iso quere dicir que esa terra estaba vetada a calquera ser humano.


Varias expedicións aseguraron atopar a tumba:

No ano 2000 arqueólogos chineses aseguran atopar a tumba de Genghis Khan e dalgúns dos seus fillos na provincia de Xinjiang. Un territorio no Noroeste da actual China.

No ano 2001 un equipo internacional asegura que atopou a sepultura de Genghis Khan preto da localidade mongola de Batshireet, situada a 350 Km. ao norte da capital, Ulan Bator.
No ano 2004 arqueólogos xaponeses e mongois atopan un mausoleo en Avraga, Mongolia Central, aos pés do Burjan Jaldún, outeiro sagrado dos mongois. Aseguran que é o lugar onde se atopan os restos de Genghis Khan.

Todas estas expedicións teñen o mesmo final. Os restos de Genghis Khan non foron atopados.