Estes premios foron instituídos na honra do naturalista inglés do século XIX, Charles Darwin, cuxa teoría asegura que todas as especies evolucionan, co tempo, mediante un proceso de selección natural. Seguindo este principio, a páxina web que organiza estes premios, explica que os premiados cos seus falecementos "axudan a mellorar a raza humana coa eliminación accidental dalgunhas persoas".
Os candidatos ao premio teñen que cumprir un requisito fundamental: as historias deben de ser verídicas e publicarse en prestixiosos medios de comunicación. Son seleccionados de entre centos de casos que son nomeados por usuarios de todo o mundo a través da citada páxina web.
Estes premios concédense "a posteriori" polo que non se celebra unha cerimonia de entrega dos mesmos. Existe unha excepción respecto da condición de que os premios deben entregarse "post mortem". Se unha persoa non morre pero queda incapacitada para ter fillos poderá optar a un premio honorífico; pero non ao premio principal.
Os premios Darwin entréganse desde o ano 1995, e a súa páxina web conta cun arquivo de centos de galardoados que, como os deste ano, tamén morreron en situacións, cando menos, curiosas.
Os gañadores da presente edición foron dous ladróns belgas que pretendían voar con dinamita as portas dun banco da cidade de Dinant para facerse cun gran botín. Un mal cálculo da cantidade do explosivo provocou a destrución de todo o edificio e a morte dos ladróns que quedaron sepultados. Ninguén máis morreu no accidente.
Outros candidatos que non gañaron pero estiveron a piques de facelo foron:
Un viaxeiro do metro de Berlín, o favorito dos internautas, que estando só nun vagón do metro decidiu romper unha fiestra dunha patada. Esta brillante idea acabou coa súa vida xa que foi expulsado fóra do vagón debido á velocidade.
Tampouco queda atrás un ladrón de 23 anos que entrou a roubar a unha tenda xunto a un compañeiro. Para cubrir o seu rostro utilizou un "spray" de pintura dourada altamente tóxica. Poucas horas despois, morría por mor dunha intoxicación.
Un estudante ucraíno de química tiña o costume de deixar os seus chicles en botes de ácido cítrico, ao parecer, para darlle un sabor máis penetrante. Con todo, mesturou, por erro, a goma de mascar cunha sustancia explosiva e ao masticar fixo... ¡boum!.
Tamén fixo méritos, pero non sufientes, un estadounidense de Florida que logo de tomarse máis dunha cervexa, saíu dun bar cos seus amigos. Montaron no automóbil do protagonista para dirixirese as súas casas; pero atopáronse cun gran atasco na autoestrada. O falecido baixou do seu vehículo e procedeu a saltar un muro lateral coa intención de atopar un lugar privado onde facer as súas necesidades. Vinte metros cara abaixo atopou a súa morte xa que non se decatou de que transitaba por unha ponte.
Outra finalista foi unha muller. A falecida, a pesar dunha forte inundación que sufría a cidade de Greensboro (Carolina do Norte -EEUU-) decidiu conducir o seu ciclomotor ata un comercio. Tras tomar unha cervexa e chamar á súa nai para asegurarlle que non había problema coa auga, a muller, duns 50 anos, emprendeu o camiño de regreso cara á súa casa, a pesar de que moitos coches atopábanse parados nas estradas debido ás choivas torrenciais, ela decidiu continuar.
Cando se ía achegando a súa casa, a señora ignorou unha barricada establecida pola policía e caeu dentro dun arroio. Un oficial logrou rescatala cunha corda, e inmediatamente dirixiuse á súa patrulla para pedir asistencia médica para a muller. Cando o oficial regresou comprobou que a muller se metera ao arroio de novo. O oficial non logrou salvala por segunda vez.
Cando lle preguntaron á nai da vítima o por que da actitude da súa filla, respondeu: "Volveuse a meter ao arroio para rescatar o seu ciclomotor. Ela adoraba esa cousa".