Á súa morte (Fernando I morre o ano 1.065), de forma similar a como fixera o seu pai, repartiu o territorio entre os seus fillos. Ao seu primoxénito Sancho entregou Castela, que tomaría como Sancho II, e os dereitos sobre a paria de Zaragoza; Afonso recibiu León e a paria de Toledo; García, o reino de Galicia, xunto cos territorios portugueses e as parias de Badaxoz e Sevilla. Ás súas fillas, ademais do señorío sobre todos os mosteiros do reino, deixou a Elvira o señorío da cidade de Touro e a Urraca, a praza de Zamora.
Este reparto da herdanza non convenceu aos seus fillos, especialmente ao primoxénito (Sancho). A paz entre eles durou mentres estivo con vida a súa nai, Dona Sancha; unha vez morta (1.067) comezaron os enfrontamentos entre os irmáns.
O rei García de Galicia, criado en Compostela polo bispo Cresconio, instalou a capital do reino en Ribadavia (Ourense). Habitaba un palacio con extensos xardíns que existía onde hoxe se atopa o Convento de Santo Domingo.
O reino de Galicia, nesta época, chegaba, polo Sur, ata a o río Mondego, en Coimbra (Portugal) e polo leste lindaba co reino de León.
Para facilitar o goberno do reino, García decidiu confiar a "Terra Portucalense" (parte portuguesa do reino) ao conde Menendo Núñez, pero o conde Sisenando Davídiz non aceptou a decisión e rebelouse. O rei Afonso VI de León aproveitou os disturbios para invadir Galicia, empresa á que pronto se sumou o rei Sancho II de Castela. García foi derrotado o 10 de maio de 1.071 en Santarem (actual Portugal) e feito prisioneiro por Sancho II, quen lle permitiu trasladarse á corte do rei Al-Mutadid de Sevilla acompañado dalgúns cabaleiros galegos. Afonso VI e Sancho II repartíronse Galicia.
Os enfrontamentos entre os dous irmáns, lonxe de deterse, continaron aínda con maior intensidade e remataron na batalla de Golpejera (12 de xaneiro de 1072) na que Sancho derrota ao seu irmán Afonso, que foi feito prisioneiro. A intervención da súa irmá Urraca e do abade de Cluny, Hugo, consegue que salve a súa vida, sendo desterrado a Toledo na corte da Al-Mamún. Deste xeito Sancho II é rei de Castela, León e Galicia.
Dona Urraca intentará devolver o trono de León ao seu irmán preferido, Afonso. A finais do verán de 1.072, Urraca conspirou desde Zamora, coa intención, ao parecer, de promover unha revolta xeneralizada do reino leonés contra o seu irmán Sancho II e este decide tomar a cidade. Tras meses de asedio, a cidade xa está ao bordo da capitulación... Pero o 7 de outubro de 1.072, un cabaleiro zamorano, de nome Vellido Dolfos, introduciuse no campamento de Sancho II. Faise recibir polo rei e explicalle que hai un paso secreto polo que poden entrar as súas tropas e tomar a cidade. Sancho II decide acompañalo e, aproveitando un descuido, Vellido Dolfos feriu de morte ao rei. A desaparición de Sancho II puxo fin ao cerco de Zamora e Afonso volve de Toledo para facerse cargo da coroa xa que Sancho II non ten herdeiros.
Don García, aproveitando a situación, regresa de Sevilla e recupera o trono de Galicia. Pero esta situación durará pouco. O 13 de febreiro de 1.072, o xa rei Afonso VI de León e Castela, acorda unha reunión co seu irmán García. Afonso VI aproveita esta reunión para apresar a García. Afonso convértese no rei de León, Castela e Galicia.
García pasará os 17 anos seguintes encerrado no castelo de Luna (León). Afonso mantivo en prisión ao seu irmán, Don García, para evitar que moitos nobres galegos, co bispo de Santiago, Diego Peláez, á cabeza, continuasen conspirando pola independencia de Galicia, contra a unidade do reino. García estando prisioneriro no castelo de Luna casa e ten dous fillos: Ramiro e Fernando. Estes infantes aceptaron as prebendas que lles ofreceu Afonso VI e terminaron por esfumarse (non se volveron a mencionar nin a eles nin aos seus descendentes).
García morreu no castelo de Luna o 22 de marzo de 1.090. O cadáver do rei García foi trasladado á cidade de León, onde recibiu sepultura no Panteón dos Reis de San Isidoro de León. No seu funeral estiveron presentes as súas dúas irmás: as infantas Elvira e Urraca. O rei García dispuxo que desexaba ser enterrado encadeado, tal e como vivira os últimos anos da súa vida, e deste xeito, sobre a tapa do seu sepulcro de pedra representouse ao rei encadeado, achándose no sepulcro a seguinte inscrición latina:
"H. R. DOMINUS GARCIA REX PORTUGALLIAE ET GALLECIAE. FILIUS REGIS MAGNI FERDINANDI. HIC INGENIO CAPTUS A FRATRE SUO IN VINCULIS."
Que traducido ao galego vén dicir:Aquí xace o rei García de Portugal e Galicia, fillo do gran rei Fernando, que foi capturado polo seu irmán con engano.