Lugares: O misterioso "cráter Patomskiy"

O cráter Patomskiy  ten un diámetro de 180 m e unha altura de 40 m.
O xeólogo ruso Vadim Kolpakov recibiu en 1945 o encargo de organizar unha expedición para cartografar a rexión de Irkutsk, localizada ao sureste de Siberia (Rusia). No ano 1949 a expedición atopábase cartografando a zona norte e alí, nunha afastada aldea, faláronlle dun lugar "maldito", agochado no bosque. Chamábano "O niño da aguia de lume", un lugar ao que nin os animais se atrevían a ir preto del. A xente da aldea falaba que era unha porta ou túnel que comunicaba co inferno, co mundo subterráneo e que os deuses tapárana para que ninguén puidese entrar e tampouco saír. Falaban de xente que se achegou demasiado e que ao volver ao poboado comezaban a sentirse mal que tiñan dores e nauseas ou ata que mesmo algún veciño chegara desaparecer, para ser atopado morto máis tarde, ou algún non chegou a ser atopado.

Estes relatos só conseguiron espertar a curiosidade do mozo Vadim Kolpakov polo que, ao día seguinte, decidiu achegarse aquel lugar misterioso. E o que viu cando se subiu a un outeiro foi incrible.
"Cando o vin por primeira vez pensei que me volvera tolo pola calor e a emoción; pero non aquilo era real. Era un montículo con forma perfecta, cun corpo semiesférico na súa parte superior e estaba situado na ladeira dun outeiro cuberto de alerces.
De lonxe parecía unha chea de escombros dunhas minas; pero non había nin xente nin campos de traballo na zona.
O meu segundo pensamento foi que era un monumento arqueolóxico. Pero as xentes do lugar, con todo o meu respecto para eles, non son os antigos exipcios, e non teñen os recursos humanos nin os coñecementos científicos necesarios para semellante empresa.
Decidín achegarme e deime conta de que o misterioso outeiro non era obra do ser humano. Máis ben parecía unha boca perfectamente redonda dun volcán cunha altura de 70 metros. Pero os volcanes non apareceron na fronteira da rexión de Yakutia e Irkutsk dende hai varios millóns de anos. E o cráter semellaba bastante novo. Calculei a idade desta anomalía nalgúns 200 a 250 anos. E outro misterio, unha cúpula semiesférica cun diámetro de 15 metros no centro do cráter. Nos volcáns, non existen tales cúpulas, nin sequera nos volcáns extintos"
.

Desde o descubrimento deste misterioso lugar, máis tarde chamado "Cráter Patomskiy" (toma o seu nome dun río próximo), unha gran cantidade de teorías propuxéronse sobre a súa orixe: que o cráter foi creado por unha civilización antiga, que foi construído por prisioneiros dun campo de traballo da época de Stalin, que foi orixinado pola actividade volcánica, que foi producido por un meteorito, que foi orixinado por unha explosión subterránea de hidróxeno ou que o produciu o choque dun OVNI que se atopa enterrado a uns cen metros de profundidade. Esta derradeira teoría baséase nunha recente expedición que, ao facer unha anáise do lugar, detectou a presenza dun corpo metálico a esa profundidade.


Pero todas estas suposicións deixan varios interrogantes... Por que non crecen as árbores preto desta estrutura? Por que hai evidencias de que no lugar houbo altas radiacións no pasado? E... por que os animais non se achegan ás súas proximidades?