Árbores: A árbore de Teneré

A árbore de Teneré
Hoxe xa non esá. A súa desaparición non se debeu ao clima ou a idade, senón ao tráfico rodado. Aparentemente, ser a única árbore por centos de quilómetros á redonda non foi suficiente para librarse do tráfico. Imaxina que entre A Rúa e Madrid hai unha soa árbore e vai un camión e bate contra ela. 

A palabra Teneré, nas linguas Tuareg (nómades do Sáhara) significa deserto. O deserto do Teneré é unha rexión de deserto localizada na parte centromeridional do Sahara, na rexión de Agadez, en Níxer.


A árbore do Teneré era o último superviviente dun pequeno bosque de acacias que se desenvolveu a finais da última glaciación nesta zona, cando o deserto do Sahara non era tan seco. O clima, foi cambiando lentamente, e a zona pasou a ser unha das máis secas da Terra. As árbores foron desaparecendo ata quedar unha soa pasando a ser a árbore máis solitaria da Terra.


Ata o ano 1939 non se soubo como obtiña a auga a solitaria acacia. No inverno dese ano unha expedición francesa ao mando do sarxento Lamotte mandou excavar alí un pozo, onde a 35 metros de profundidade, apareceu un acuífero, o que daba de beber á fascinante árbore. As súas raíces chegaban ata case 40 metros de profundidade. O militar non puido deixar de preguntarse por que os famentos camellos non se comían as súas follas ou os tuareg non usaban as súas ramas para facer leña coa que facer o lume co que preparar un sabroso té. A resposta que atopou é que para os tuareg tratábase de algo máis que dunha árbore. Era en realidade un faro na metade da nada, onde cada ano os tuareg reuníanse ao redor da árbore antes de afrontar o cruzamento do deserto do Teneré. A acacia converteuse na referencia para quen viaxaba de Agadez para ir a Bilma ou para regresar e así foi respectada e preservada.

Na década dos 50, cando os camións comezaba a substituir aos camellos, un camión que ía camiño a Bilma chocou contra a pobre árbore. Ata entón mostraba unha bifurcación do seu tronco en dous subtroncos superiores. O resultado deste primeiro incidente foi a sección dun destes subtroncos, reducíndo á metade o seu tamaño. Hai que ser inútil para chocar contra o único obstáculo existente en 400 km. á redonda!
Monumento en Niamei, Níxer

Unha vez... todo pode pasar. Pero sucedeu unha segunda vez. E iso foi o que pasou en 1973 cando sufriu un novo accidente ocasionado por un condutor borracho que impactou o seu camión contra a pobre árbore, acabando cos máis de 300 anos que tiña. Esta vez si foi o final para a máis solitaria das árbores.

O 8 de novembro de 1973 a árbore derribada, foi trasladada ao Museo Nacional de Níxer, onde fixeron un monumento cos restos da árbore. No sitio orixinal fíxose unha "árbore" de metal para conmemorar o lugar onde estaba un auténtico milagre da natureza.

 

Aínda máis...

# Nada do que fixo o home na zona sobreviviu. A árbore metálica foi derribada múltiples veces, uns muros construídos para defendela foron arrasados polos ventos. O metal e a pedra humanas non puideron sobrevivir onde florecía unha débil acacia, mostrándonos que a natureza ten moita máis forza que toda a estupidez humana.

# A árbore de Teneré era unha árbore illada en metade do deserto. Foi a única árbore individual que apareceu nun mapa a escala 1:4.000.000. Mapa nº 153 de Michelín.

# Esta árbore era unha acacia raddiana.

Fotos da árbore de Teneré.